Dous mortos en Miño e Bergondo en senllos accidentes de tráfico

Ata o sinistro desprazouse unha dotación dos bombeiros de Betanzos

As estradas da comarcas cobráronse dúas vidas nas últimas horas a consecuencia de dous accidentes de tráfico. En ambos casos, ademais, trátase de dúas vítimas novas, de 28 e 26 anos de idade.

O primeiro dos sinistros rexistrouse sobre as tres da tarde de onte, en Bergondo, na estrada do convento. Un mozo que pilotaba a súa moto saíu da vía, bateu cunha furgoneta e acabou chocando contra un muro.

Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, o motorista falecido neste accidente é un mozo residente no municipio, identificado como S.D.D., duns 28 anos de idade.

O 112 desprazou ata o lugar dos feitos unha ambulancia medicalizada, efectivos da Garda Civil, de Policía Local e de Protección Civil. Ademais, foron mobilizados os bombeiros de Betanzos.

O atestado da Garda Civil recolle que o accidente se produciu tras producirse unha colisión lateral entre a moto e unha furgoneta con posterior saída de vía da motocicleta. Segundo explicaron testemuñas, a colisión produciuse cando o condutor dispoñíase a virar á esquerda e o motorista tentou adiantala. A Garda Civil investiga os feitos.

Un mozo de 26 anos en Miño, segunda vítima

Ás dúas da mañá de hoxe rexistrábase o segundo suceso. Un condutor de 26 anos colisionaba contra outro turismo, en Miño na estrada N-651, á altura do lugar de Ponte Baxoi.

Foi unha forte colisión fronto-lateral entre os dous vehículos e a consecuencia do choque un dos coches saíu despedido da calzada e quedou envorcado sobre un terraplén, completamente esnaquizado e a gran distancia do outro vehículo implicado.

Os servizos de emerxencias só puideron certificar a morte do condutor, que era veciño de Oza-Cesuras. O seu corpo foi recuperado polos Bombeiros de Betanzos pola parte traseira do coche con medios de excarceración.

Os efectivos contraincendios tamén axudaron ao condutor do outro vehículo, un home de 83 anos que puido saír do coche polo seu propio pé. En principio, sufriu feridas leves pero foi trasladado ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol para facer probas médicas.

Como consecuencia do sinistro, o tráfico da N-651, entre os quilómetros 10 e 11, cortouse durante boa parte da madrugada. Ademais dos bombeiros, desprazáronse ao lugar varias ambulancias, a Garda Civil e Protección Civil de Miño.