A Deputación destina 272.761 euros a programas de igualdade e a loita contra violencia de xénero

A deputada de Igualdade, Ánxela Franco

A Deputación da Coruña publicou o pasado 28 de agosto no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a listaxe definitiva das entidades sen fin de lucro que serán beneficiarias da liña de subvencións artellada pola institución provincial para o mantemento de políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero. A Deputación apoiará o traballo de 32 entidades da provincia cun orzamento de 272.761 euros.

A Área de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, que dirixe a deputada do BNG Ánxela Franco, contribúe á loita contra violencia machista e aposta pola igualdade de homes e mulleres a través desta liña de axudas dirixida a entidades sen fin de lucro á que se destinan 272.761 euros. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento de programas e actividades que promovan a igualdade de xénero e incidan na erradicación da violencia.

Mellora de empregabilidade e conciliación familiar

Entre as liñas de traballo propostas polas 32 entidades que contarán co apoio da Deputación da Coruña para este 2018, atópanse programas de mellora da empregabilidade, plans de conciliación familiar, programas de atención integral para as mulleres vítimas da violencia de xénero, e outras iniciativas que contribúen ao empoderamento das mulleres.

A responsable da Área de Igualdade, Ánxela Franco, subliñou que desde a Deputación da Coruña “continuaremos apoiando a estas entidades e non escatimaremos esforzos até que a brecha salarial, o coidado exclusivo por parte das mulleres de crianzas e persoas maiores, e a violencia de xénero pertenzan ao pasado”.