Denuncian a falta de médicos no centro de saúde de Miño

Centro de Saúde de Miño. SPC Arquitectura

Miño tampouco ten médicos abondo en verán, unha situación especialmente conflictiva de ter presente que a localidade duplica a poboación durante xullo e agosto e non conta con medios para atendela. Reprodúcese na localidade do Lambre a situación que os nacionalistas veñen denunciando desde hai anos no centro de especialidades de Betanzos ou nos consultorios de toda a comarca.

Se en Teixeiro fora unha mobilización veciñal o pasado inverno, en Miño o primeiro movemento é do Concello. O goberno local fixo público que o novo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, contactou coa xerencia de Atención Primaria para reclamar un reforzo estival do ambulatorio. Aseturan que recibiu varias queixas de usuarios pola escaseza de facultativos pola non cobertura das baixas por vacacións.

O BNG adiantou que presentará unha iniciativa no Parlamento de Galiza para demandar novamente a cobertura de baixas e vacacións e melloras na atención primaria da comarca das Mariñas. Tamén o PSOE, asegura Faraldo, levará unha petición similar á Cámara do Hórreo.

“Tivemos coñecemento da falta de pediatra en Miño e Paderne, dado que non se cobren as vacacións”, afirman os nacionalistas, que denuncian que se derivaron pacientes a Bergondo para a atención pediátrica porque Betanzos “tamén se atopaba en precario”. Os nacionalistas critican que “os recortes sanitarios na comarca veñen de lonxe” e denuncia que fai quince días en Aranga deixaron de cubrir o servizo médico e derivaron a todos os pacientes ao centro de saúde de Muniferral”.