Curtis retorna, por cuarto ano, ás feiras de 1900

Un instante de Curtis na lembranza. Foto da organización

A feira en Curtis é un protagonista económico de primeira magnitude. Foino hai cen anos e segue a ser cada 9 e 23 de mes. Conscientes do seu peso e influencia na economía local, a Asociación de Comerciantes, co apoio do Concello, volve organizar o próximo día 27 Curtis na lembranza.

Trátase dunha festa de recreación histórica que lembra como eran as feiras hai algo máis dun século, cando a localidade comezou a gañar poboación e peso económico ao combinar as feiras e a estación de ferrocarril, que achegaba feirantes e clientes desde máis alá da comarca, contribuíndo a que acabase de despegar.

Así, haberá postos de produtos artesáns e agrícolas ao longo da avenida principal da localidade e nas rúas próximas. No programa do evento inclúense bailes e música, actividades para nenos como xogos populares, monicreques e teatro. Todo como hai máis dun século as nosas avoas viron as feiras, en Curtis ou en Betanzos.

A organización agasalla billetes para facer a viaxe de ida e volta desde a Coruña en tren, só con seguir a súa páxina web de Facebook. Piden, iso si, que todos os visitantes, cheguen desde onde cheguen, vaian ataviados con roupa que simule á da época.