Curtis adquire a casa de María Antonia Dans para musealizala

Avenida principal de Curtis

O goberno local de Curtis e a filla da pintora María Antonia Dans asinaron a venda da vivenda de 1920 onde viviu a pintora. A compra da vivenda e a súa rehabilitación ten un custo duns 70.000 euros dos que 56.000 aportaraos a Deputación nunha subvención.

A intención do executivo local é abrir unha escola de pintura nun dos inmobles que compoñen a propiedade, ademais de ceder algún espazo para actividades de colectivos do municipio. O edificio principal, pola súa banda, será a casa museo da pintora.

O inmoble está catalogado con protección estrutural no PXOM. Está situado nunha leira de 1.257 metros cadrados e ademais da casa, de 128 metros cadrados, ten outra vivenda detrás duns 108 metros cadrados así como un almacén duns 142 metros cadrados e un almacén e xardín.