A Deputación investirá 93 800 euros na renovación da capa de rodadura da travesía da DP-3204, no centro de Curtis

Avenida principal de Curtis

A Deputación da Coruña investirá 93 800,28 euros nas obras de renovación da capa de rodadura da estrada provincial DP-3204, entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+070, ao seu paso polo centro urbano do municipio.

As obras na DP-3204, incluídas no Plan de conservación de estradas 2019 veñen de ser aprobadas na Comisión de Vías e Obras e serán referendadas definitivamente pola corporación provincial no pleno ordinario do vindeiro venres, 27 de setembro.

O firme actual da estrada DP-3204 conta con perfectos xeneralizados na súa capa superficial que, xunto coa tipoloxía do pavimento (constituído por lousas de formigón) xera un importante nivel sonoro que causa molestias aos veciños das numerosas casas situadas nas marxes da estrada.

Para evitar estas molestias, adaptarse á normativa sobre niveis sonoros admisibles no medio urbano e mellorar a seguridade viaria, a Deputación levará a cabo a demolición do pavimento actual e dotará á travesía dun novo firme, máis flexible, cunha base de formigón e unha capa superficial de mestura bituminosa de tipo descontinuo para capas delgadas.

Así mesmo, as obras completaranse co recrecido dos sumidoiros e a renovación da sinalización horizontal para mellorar a seguridade en todo o tramo da DP-3204 afectada por esta intervención.

As obras executaranse primeiro por unha marxe e despois pola outra, permitindo manter en servizo un dos carrís de circulación da DP-3204 en todo momento, polo que non será necesaria a implantación de desvíos alternativos. O prazo de execución será de dous meses a partir do inicio das obras.