A Deputación financia a contratación de catro traballadores no Concello de Curtis co PEL

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o pasado 15 de maio as bases da convocatoria para a selección e contratación de catro peóns (dous a xornada completa e dous a tempo parcial) no Concello de Curtis. Os custos laborais e de Seguridade Social destas contratacións asúmeos integramente a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL-Concellos), dotada con 3 millóns de euros, dos que Curtis recibe este ano 30.982,34 €.Os catro operarios seleccionados realizarán obras e servizos municipais coma o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas ou a reparación de parques, áreas recreativas e instalacións deportivas.

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Desde a Deputación destacan que o programa será especialmente útil este ano xa que ademais de “ofrecer unha oportunidade laboral centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, o persoal contratado “permitirá aos concellos afrontar labores que van ser fundamentais na loita contra a covid-19 coma a limpeza de rúas e espazos públicos ou a recollida e tratamento de residuos”.

O programa PEL-Concellos creou preto de 2.000 postos de traballo desde a súa creación e permitirá que 428 persoas máis accedan a un emprego no seu municipio este ano.