O CPI Virxe da Cela de Monfero recibe un premio da RAG pola súa celebración do 17 de maio

Imaxe do CPI Virxe da Cela de Monfero

O CPI Plurilingüe Virxe da Cela, que imparte clases a alumnos de Monfero e Irixoa, recibiu onte un dos tres premios do certame Contádenos o voso Día das Letras Galegas na sede da Real Academia Galega (RAG).

Os outros dous gañadores foron o CEIP Anxo da Garda da Coruña e o EEI do Milladoiro en Ames. O galardón creouse co obxectivo de coñecer e difundir o modo en como celebraron o Día das Letras Galegas os centros con alumnos de menor idade con motivo da Primavera das Letras.

Este proxecto naceu da propia RAG e dota á comunidade escolar de contidos lúdicos e didácticos ao redor da figura protagonista do 17 de maio desde unha perspectiva interdisciplinaria. O alumnado de Primeiro e Segundo gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Vitoria Moreno e o de Cuarto, un programa dedicado á autora con entrevistas.