Cortada a DP-0905 en Adragonte pola caída dun poste

A DP0905 ao seu paso pola parroquia padernesa de Obre

Arredor das doce do mediodía do pasado domingo un vehículo saíuse da vía na DP-0905 á altura da localidade padernesa de Adragonte e derrubou un poste do tendido eléctrico. A ocupante do vehículo non sufriu ningún dano de consideración, pero o poste quedou derrubado sobre a calzada, cortando o tránsito.

O servizo de Emerxencias do 112 desprazou ata a zona a un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia, ademais de alertar á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Betanzos e á compañía eléctrica. Os bombeiros do parque comarcal de Betanzos apontoaron a estrutura para evitar que acabase impactando contra a estrada, pero foi necesario restrinxir a circulación en toda a vía, encargándose a Garda Civil de regular o tráfico. A compañía eléctrica non enviou operarios ata as catro da tarde, a fin de asegurar o poste e restablecer o servizo.

Saída de vía en Abegondo

Unha hora máis tarde os bombeiros betanceiros tiveron que facer outra saída, cara Abegondo, onde un matrimonio de idade avanzada saíu tamén da vía co seu vehículo, Por precaución decidiuse o traslado da muller ao centro médico.