A Comisión Europea pon o foco na contaminación da ría

Ana Miranda e representantes do BNG na praia bergondesa do Regueiro

O BNG anunciou onte que conseguiu que a Comisión Europea reabrira o expediente sobre as rías galegas pechado en falso cun informe pactado entre PSOE e PP tras visitar unha delegación do Parlamento Europeo as rías da Coruña e Vigo. Mais non só son eses estuarios os que preocupan ás autoridades comunitarias.

En resposta a outra iniciativa do BNG, Bruxelas explica que abriu un procedemento por infracción da directiva sobre o tratamento de augas residuais. A investigación comezou fai xa máis dunha década, antes da construción da depuradora de Gandarío. Nunha resposta con data do pasado 15 de novembro, a Comisión Europea explica ao BNG que foron precisamente as deficiencias detectadas na depuración en Gandarío as que motivaron a apertura deste procedemento de infracción que, di, espera que “axude a que as autoridades competentes a solucionar a mala xestión das augas residuais” no estuario e “mellorar a calidade das augas de baño afectadas”.

Os últimos datos aos que fai referencia a Comisión Europea na súa resposta son de 2016, polo que non ten en conta as últimas analíticas sobre a calidade da auga de baño na ría, nin para ben como no caso de Gandarío, ou para mal como outros areais como Miño Grande.

A resposta da comisión chega tres meses despois de que a eurodeputada do BNG Ana Miranda anunciase que levaría ao Parlamento Europeo o problema de saneamiento na ría de Betanzos. A nacionalista anunciou a iniciativa da súa formación ante a UE durante unha visita a praia do Regueiro e a zona do Pedrido, onde se atopan os dous bancos marisqueiros que explota a confraría de Miño e que son “zona C provisional”.

Na súa resposta, a Comisión Europea non despexa varios dos interrogantes lanzados polo BNG, que alertó dos danos provocados pola falta dunha depuradora en Paderne. En paralelo, o BNG anunciou xa que enmendará as contas da Xunta para o vindeiro 2019 a fin de esixir unha partida concreta para sanear a ría e cumprir coa normativa comunitaria.