O castelo dos Andrade que botaron abaixo os Reis Católicos en Ois

Ruínas do Castelo da Mota. Patrimonio Galego

Aínda hoxe, o topónimo A Mota acusa que no lugar, nas inmediacións da igrexa de Santiago de Ois, houbo un promontorio amurallado. Castelo ou torre, o certo é que os restos aínda son visibles e documentáronse algo mellor conservados do que actualmente se poden ver. Como outras moitas “motas” do país, podería ter empezado como torre empalizada e evolucionar cara o castelo que os Irmandiños primeiro e o gobernador do Reino de Galicia, Fernando de Acuña, pretenderan borrar do mapa. E case o lograron, como outros moitos castelos en todo o reino.

As orixes do castelo da Mota pérdense no tempo e din que puido orixinarse, como noutras moitas ocasións, sobre un castro. Sábese del desde o século XII, co que se supón que tivo que ter características das fortificacións románicas e os vestixios que se conservaron e estudaron aló por 1917 sitúano a 230 metros sobre o mar, con planta ovalada de 21 metros por 18 metros, aproximadamente. O que queda é sobra de sillería, en granito do país, probablemente extraído nas inmediacións, relativamente ben labrada. Calcúlase que a cerca puido acadar os seis metros nos seus panos máis baixos, cun perímetro no que aínda son visibles restos de alicerces doutros parapetos, tal vez un segundo anel defensivo ou unha simple barbacá que cubrira accesos. Hoxe, desde logo, está moito máis desfigurado malia teren protección legal.

Desde as súas estimadas orixes arredor do século XII pouco se sabe, ata que pasa á Casa de Andrade, tal vez como parte dos coutos de Muniferral que Sancha Rodrígues aporta ao incipiente señorío na súa voda con Fernán Pérez de Andrade O Bo. Os irmandiños atacáronno e quixeron botalo abaixo en tempos de Fernán Pérez de Andrade O Mozo, e cando o seu herdeiro e primeiro conde de Andrade Pero Fernández de Andrade o quixo volver erguer sería o arcebispo Fonseca que llo botaría por terra, co apoio do mandando dos Reis Católicos Fernando de Acuña.

Así constou no célebre preito Tavera-Fonseca, onde un labrador de oitenta anos aseguraba que foi Fernando de Acuña quen mandara “derrocar a la fortaleza de Peña Frouseira que hera de Pedro Pardo – de Cela, o Marechal- e a la fortaleza de Porras que era de Diego de Andrade e a Morgade que hera del conde de Altamira e a la fortaleza de la Mota que hera de Pedro Fernandez d`Andrade….”

O certo é que o Andrade, xunto con Gómez Pérez das Mariñas, avó de Fernando de Andrade, puxeron cerco ao castelo compostelán da Rocha Forte da man dos condes de Altamira para poñer fin ao derrubamento das súas torres e fortalezas por parte da mitra de Santiago.

O solar, coa torre definitivamente demoucada e reducida a ruínas foi pasando de morgado en morgado ata recaer no condado de Maceda. Finalmente, os caseiros da torre, reconvertida como tantas outras en propiedade agropecuaria, desvincularíana da casa e acabou vendéndose coma calquera outro predio particular. E aí segue, o que resta do castelo.

O da Mota, canda a torre de Porras de Guiliade, foi un máis dos castelos e fortificacións que dominaban puntos estratéxicos nos accesos a Betanzos. Parece que en Santa Baia de Espenuca puido haber outra torre ou atalaia, e mesmo no castro de Santa Marta. Outro situaríase, e foi explorado en 1944, onde conflúen Mandeo e Zarzo, sobre outro promontorio. Dous castelos pechaban a ría pola banda de Sada, Fontán e Corbeiroa, bastante posteriores, pero un moito máis primitivo, da Casa das Mariñas, transformaríase para dar lugar ao Pazo de Mariñán. Os Andrade tamén terían unha torre dentro da propia cidade de Betanzos, no solar do cárcere, e na cima máis alta da croa de Untia rivalizaban a torre do Concello coa de Lanzós, moi desfigurada pero aínda en pé.