Coirós construirá uns novos vestiarios para o campo de fútbol de Ois

Campo de fútbol da Cortella en Coirós

Cun orzamento de 47.047 euros o Concello de Coirós ven de sacar a licitación a construción duns novos vestiarios no campo de fútbol de Santiago de Ois, no lugar de Combarro. Os actuais atópanse nun “moi mal estado de conservación”, segundo o prego.

O proxecto inclúe a demolición da edificación, un bloque con visera de fibrocemento traslúcido de “moi baixa calidade estética e paisaxística”, admite o Concello, que detalla no prego que os actuais vestiarios presentan “problemas de habitabilidade e salubridade” e que o palco “se atopa en desuso”. A nova instalación terá que ter unha única planta onde se distribúan os vestiarios para os dous equipos e un para o árbitro, mais unha zona de aseo para os espectadores e un almacén.

O Concello de Coirós establece un prazo de tres meses para a execución destes traballos.