Cen nenos e nenas das Mariñas, Ferrolterra e Ortegal participan esta semana nos campamentos deportivos de verán da Deputación

Cen nenos e nenas dos concellos de Abegondo, Ares, Betanzos, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Paderne, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior participan esta semana no centro Calvo Sotelo da Coruña nos campamentos deportivos de verán da Deputación.

Durante a súa estadía ata de cinco días no Calvo Sotelo, os rapaces e rapazas contarán cun amplo programa de actividades deportivas e lúdicas que incluirá dende actividades naúticas, sendeirismo, tenis, fútbol ou baloncesto ata visitas a lugares de interese coma a Torre de Hércules, a Casa dos Peixes, o xardín de San Carlos ou o castelo de San Antón, así como unha excursión ao mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume.

O programa cultural complétase con veladas nocturnas nas que os nenos e nenas desenvolveron actividades e xogos de cara a fomentar a comunicación, a convivencia, o intercambio experiencias e o respecto polos demais.

Ao longo do mes de xullo desenvolveranse un total de catro quendas, cada unha delas con 100 rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos de idade, que están supervisados en todo momento por 10 monitores titulados e unha directora de campamento.