Case dous mil espectáculos forman parte do catálogo da Rede Cultural da Deputación

Festival DesConcerto na praza. Imaxe de Galiza Nova

Desde o 10 ao 26 de marzo, concellos e entidades poderán facer as solicitudes da Rede Cultural da Deputación da Coruña que este ano ofrece un catálogo de case dous mil espectáculos. Máis da metade, 1.221, pertencen á categoría profesional e 500 á amadora nunha oferta que inclúe 171 filmes e 44 producións destinadas á promoción da normalización lingüística.

Un total de 1936 espectáculos é a oferta que a Rede Cultura da Deputación da Coruña inclúe na súa nova edición que abre do 10 ao 26 de marzo o prazo para as solicitudes de concellos e entidades. En total, son case duascentas propostas máis que o pasado ano nun catálogo no que máis da metade, en concreto 1.221 espectáculo, forman parte do programa “Escena ao vivo”, destinada a producións profesionais das que 483 son de teatro e monicreques, 618 de música, 53 de danza e 67 de maxia. A cultura amadora ofrece este ano 500 propostas culturais a través do programa “Alicerce” mentres 171 películas forman parte de “Visións”, o apartado destinado á promoción e difusión do audiovisual. Finalmente, o programa “Lingua a escena”, que ten como obxectivo contribuír á normalización cultural a través da cultura, inclúe nesta edición un total de 44 propostas.

Dous millóns de orzamento

A Rede Cultural da Deputación da Coruña consolídase como o circuíto de espectáculos, concertos e proxeccións audiovisuais máis sólido da cultura galega con dous millóns de orzamentos por parte da institución ao que se engade a achega que fan os concellos que participan no programa.

“Supón, ao noso ver, unha maneira decidida de crear novos públicos para a cultura ademais de contribuír fortalecer o sector con contratacións artísticas e creación de “, destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto. No pasado ano, a Rede Cultural promoveu ao longo do territorio da Coruña un total de 1.829 espectáculos, dos que 1163 formaron parte dos programas dos concellos e 666 de entidades sen ánimo de lucro.

A Rede Cultural experimentou un importante incremento nos últimos anos duplicando o orzamento desde que no ano 2015 se consignaran 976.496€ até os dous millóns da presente edición.