O BNG impulsa a revisión dos pregos de contratos da Deputación para evitar que se contrate só atendendo ao prazo máis baixo

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

O BNG está a impulsar unha revisión a fondo dos pregos de contratación que a Deputación ten para as súas obras e servizos e para todas as obras que os Concellos inclúen nos diversos plans provinciais. A idea é superar eivas detectadas na sua aplicación e superar problemas que se crean cos actuais, entre eles os derivados de contratar atendendo só ás ofertas económicas.

A área de Contratación da Deputación da Coruña está a manter reunión con representantes do sector empresarial e sindical ademais de se dirixir aos concellos para elaborar os novos pregos de contratación do organismo. O deputado Xesús Soto agarda aprobar os pregos, adaptados á nova lei, no vindeiro pleno do 23 de febreiro. O deputado de Contratación e Patrimonio, o nacionalista Xesús Soto, está a desenvolver un programa de xuntanzas con representantes sindicais e do sector empresarial para pulsar a opinión de cara á elaboración dos novos pregos de contratación do organismo.

“A Deputación da Coruña abriu este proceso participativo para a conformación dos novos pregos, para coñecer a opinión tanto de representantes dos sectores máis implicados e onde máis inciden os procesos públicos de contratación ademais de abrir un período para que os concellos poidan facer as súas achegas de cara a unha mellor xestión”, sinala o deputado Xesús Soto.

Neste sentido, o deputado do BNG está a manter as xuntanzas nun período en que agarda tamén que os concellos contribúan coas indicacións para unha máis axeitada redacción dos novos pregos de contratación que se axustarán á nova Lei de contratos que entra en vigor o vindeiro 9 de marzo. “A nova Lei incorpora novidades que van ter repercusión na Administración local polo que desde a Deputación queremos pulsar a opinión e traballar conxuntamente”, explica Xesús Soto.

Prima a calidade fronte aos contratos que só valoran o prezo

A lei supón, como a Deputación lembrou aos concellos a través dunha carta do deputado responsábel da área, “unha profunda reforma dos procedementos de adxudicación dos contratos”. Lembra tamén que se introducen cambios en canto aos criterios de adxudicación dos contratos, onde prima a relación calidade-prezo con criterios non só económicos senón tamén cualitativos.

“A nova lei obriga á redacción duns novos pregos tipo de cláusulas administrativas para os contratos de obras e queremos que para esta redacción é interesante dar participación aos concellos para que, no que estimen oportuno, formulen as suxestións que consideren de interese para os novos pregos”, explica Xesús Soto que conta con aprobar os novos pregos no pleno do vindeiro 23 de febreiro.

Os problemas das obras en Betanzos derivan de considerar só o prezo

As numerosas obras retrasadas e paralizadas no Concello de Betanzos responden precisamente ao tipo de problemas que estes novos pregos pretenden superar. O goberno local contrata atendendo só ao prezo que ofertan as empresas co resultado de demoras importantes na execución- Emilio Romay, Cruz Verde- ou finalmente contratos anulados porque o prezo non cubre o importe real – Eira Vella. O goberno local négase a utilizar outros criterios pretextando, como ten respondido cada vez que o BNG cuestiona a súa política de licitacións, que os pregos da Deputación os obrigan a contratar deste xeito e que valorar outro tipo de condicións da obra- acabados, melloras, características ambientais, etc- dálles máis traballo. A calidade das obras, evidentemente, se resinte.