PSOE e Alternativa aseguran que o Regueiro será pronto apta para o baño

A praia do Regueiro. Imaxe de Turismo.gal

O goberno municipal de Bergondo asegura que a praia do Regueiro, pechada desde hai anos pola elevada contaminación de augas fecais que rexistra,  “está cada vez máis preto de ser unha realidade” como auga de baño.

O bipartito PSOE-Alternativa segura que “os continuos bos resultados que arroxan as análises das súas augas e as obras acometidas por parte do goberno local” fanlle crer que poderá volver aconsellarse para o baño. Sobre que analíticas fai esta especulación é algo que non aclara e non publica ningún exame que apoie estas palabras.

O bipartito asegura que os resultados das primeiras medicións da semana pasada “foron excelentes” e sostén que a continuidade de bos resultados e o executar unha obra supón cumprir os criterios europeos para que a praia poida volver ser apta para o baño.

Silencio sobre os verquidos denuciados nas redes

Sobre os verquidos denunciados a pasada semana nas redes sociais, con videos incluidos, o executivo de Alejandra Pérez e Juan Fariña evitou pronunciarse. Tampouco anunciou ou informou da realización de inspeccións para determinar contido ou orixe, nin avanzou actuacións para poñerlles fin.