Perde a vida un ciclista en Guísamo despois de ser atropelado por un camión

A N-VI ao seu paso por Guísamo. Á dereita do edificio, a vía cara San Paio na que tivo lugar o sinistro

Un ciclista faleceu na tarde de onte tras ser atropelado por un camión na estrada que enlaza a localidade de Bergondo co encoro de Cecebre. O seu compañeiro contactou co 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente, pero os servizos sanitarios nada puideron facer para salvarlle a vida, segundo relata o propio 112.

Ambos circulaban pola parroquia de Guísamo, cando, á altura do Lugar de San Paio, un camión para o transporte de penso alcanzou a un dos ciclistas, que faleceu practicamente no momento, asegurou o compañeiro. De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que acudiron ao lugar do accidente só puideron confirmar a súa morte.

Neste operativo activado ás 15:30 horas de onte participaron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Bombeiros de Betanzos, aínda que a vítima atopábase totalmente liberada e accesible. A vítima era bombeiro no parque comarcal de Arteixo. A súa morte provocou a consternación entre os efectivos de emerxencias da área metropolitana e mostras de pesar e duelo público desde que transcendeu.