O Xulgado paraliza o desafiuzamento dunha muller e os seus tres fillos en Bergondo

Patio interior dos xulgados betanceiros

Para mañá, 2 de outubro, estaba previsto o desafiuzamento dunha muller e os seus tres fillos por orde do BBVA en Bergondo. A muller, vítima de violencia machista, conta só coa paga que percibe a consecuencia da violencia padecida como fonte de ingresos. Esta exigua cantidade non abonda, a día de hoxe, para afrontar a hipoteca que ten contraída co BBVA, e alimentar aos seus tres pequenos.

Foi a plataforma Stop Desafiuzamentos quen deu a voz de alarma, e o Concello de Bergondo e os grupos políticos da Corporación mobilizáronse, alertando da situación de vulnerabilidade da familia. Onte, o xulgado paralizou o desafiuzamento mediante unha dilixencia de ordenación. A letrada da vítima afirma que agora tentarán contactar co BBVA para negociar as condicións que permitirían solucionar a situación da vítima e os seus tres nenos. A letrada asegura que a paralización do desafiuzamento  é só unha “pequena tregua”.