O PP de Bergondo escacha a quince días das eleccións

Fafian é o candidato do PP en Bergondo

Entre a actual candidatura, a xunta xestora e a anterior candidata. A tres bandas, e coa dirección provincial apoiando ao actual candidato, o PP asómase ao precipicio en Bergondo a menos de 15 días da cita coas urnas.

A fichaxe de Manuel Fafián non sentara ben nunha parte dos afiliados conservadores, que non disimularon en ningún momento o seu malestar. Pero as declaracións do candidato defendendo unha lista renovada para “desvincularse do pasado do PP” e “abrirse ao futuro cun partido limpo, transparente e dedicado aos seus veciños” abriron unha sima.

A presidenta da xestora, Silvia Vázquez Cardelle afirma que os integrantes senten “doídos” polas palabras do seu candidato. “Despois de todo o que traballamos, non podemos permitir que diga que non somos un partido limpo e transparente. Todos os integrantes do PP de Bergondo, cos seus acertos e desacertos, traballamos con humildade e coherencia”, destaca a xestora, que sostén que o seu traballo está “avalada” polos resultados electorais en municipais e autonómicas.

“Non é certo que o PP fose un partido roto. Sempre tivemos capacidade para sobrepoñernos e saír reforzados co apoio das bases”, afirma Silvia Vázquez en nome da xestora. “Non entendemos que hai mes e medio participase nunha homenaxe aos concelleiros do PP en Bergondo e agora queira desvincularse e atacarnos con palabras ofensivas”.

A xestora lamenta ademais que o candidato “non fose quen de acordar unha lista integradora na que todos sentisen representados”. “De forma unilateral deixou a todos os membros de lado e rompeu toda comunicación coa xestora”, lamenta a agrupación, que incide en que a pesar diso apoiaron a Fafián e que se rompen agora o silencio é polas súas últimas declaracións.

Apoio a Fafián do PP provincial

Sivlia Vázquez Cardelle é a presidenta da xestora do PP de Bergondo

Desde o PP provincial arrouparon ao candidato e incidiron en que foi elixido “por consenso” e que sempre houbo vontade de “integrar a todo o mundo que quixo”.

Tita Sanjurjo tamén arremete contra Fafián

A anterior candidata do PP e actual edila non adscrita, Tita Sanjurjo, tampouco gustou das declaracións do candidato único da dereita nestes comicios. A edila, que en 2016 abandonou o PP entre duras críticas á xunta xestora, cargou contra o novo cabeza de lista de popular por afirmar que deixou un PP roto.

En redes sociais, Sanjurjo non só carga contra Manuel Fafián, senón que anima aos veciños para votar outras opcións e parece desliza un apoio implícito a Alternativa dos Veciños, liderado polo ex de PP, BNG e Anova Juan Fariña.

“Pido aos bergondeses que se esquezan das siglas e voten un proxecto coherente, que se mo permiten na miña humilde opinión xa se iniciou hai 2 anos…”, afirma.