O PEL da Deputación financia a contratación de cinco traballadores no Concello de Bergondo

Xosé Regueira (esquerda, do BNG) e Valentín Formoso, do PSOE, vicepresidente e presidente da Deputación respectivamente

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte as bases do proceso selectivo para a contratación temporal cinco traballadores/as no Concello de Bergondo. As prazas corresponden cinco peóns, cuxos custos laborais e de Seguridade Social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos) cunha achega de 43.000 euros este ano.

Os operarios seleccionados serán contratados por un período de cinco meses de dezaoito días e realizarán obras e traballos de acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas titularidade municipal. As instancias deben presentarse no prazo de sete días hábiles contados a partir de mañá.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.