O bipartito bergondés quere reabrir ao baño a praia do Regueiro

A praia do Regueiro, pechada ao baño pola contaminación das súas augas. Imaxe de Turismo.gal

A praia do Regueiro leva fóra das analíticas das áreas de baño da Xunta anos, a consecuencia de episodios recorrentes de vertidos fecais que acabaron por clausurala ao baño. Unha situación que chegou mesmo a instancias europeas e unha decisión que non gustou ao executivo do PSOE bergondés, que tentou por todos os medios revertir esta decisión. Se o ano pasado o areal era incluído nunha rede de praias para a práctica de surf, este ano o bipartito PSOE-Alternativa anuncia que “continúa realizando diferentes actuacións para lograr que a Xunta de Galicia volva incluír O Regueiro no censo de praias aptas para o baño, lista da que se apartou polos malos resultados de hai anos.”

Segundo o executivo de coalición “agora a situación é diferente” segundo avalarían “unha vez máis as primeiras analíticas deste verán encargadas polo Concello”. Unhas analítias que “sobre os 1.000 permitidos a análise deu 33 de escherichia coli e 41 enterococo intestinal” pero que o executivo non fai públicas alén do comunicado de prensa.

“Estes resultados son froito dun traballo continuo por parte do Concello de Bergondo. O ano pasado construíuse en Moruxo un colector ao que, a día de hoxe, están practicamente conectadas todas as vivendas desa zona” aseguran, recordando que “ademais, actuouse na zona da parte alta do río Cabanés, que desemboca en O Regueiro, corrixindo conexións defectuosas en San Cidre”.

“O goberno local está a realizar un esforzo importante, e faio conxuntamente con Viaqua e Control de Verteduras da Xunta de Galicia” aseguran. “Tanto as analíticas encargadas polo Concello como as últimas realizadas por Control de Verteduras para ver a evolución dos traballos arroxan uns resultados óptimos” sosteñen de cara a forzar a reinclusión do areal nas zonas de baño permitido polo goberno galego.

“Nos últimos anos as análises realizadas polo Concello achegan unha tendencia continuada de bos resultados, confirmándose este avance o pasado verán cun pleno de boas analíticas” aseveran. “Cremos que a auga da Praia do Regueiro é apta para ou baño e así o confirman os resultados, que din que non só non está contaminada se non que a calidade da auga é excelente”, afirman desde o goberno local. Ademais, anuncian que “cando finalicen as conexión ao colector de Moruxo enviaremos á Xunta de Galicia un dossier que incluirá as analíticas realizadas e as diferentes actuacións levadas a cabo para mellorar a calidade dá auga” e “ agardamos que volva a ser incluída non censo de praias aptas para ou baño”.