O bergondés pazo de Baldomir entra na Lista Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra

Pazo de Baldomir. Imaxe de arquivo do Concello de Bergondo

O estado ruinoso que presenta o pazo de Baldomir desde o incendio que sufriu no ano 1990 e o seu “alto risco de incendio pola masa forestal descontrolada na leira, erosión por acción meteorolóxica, risco de derrubamento” levaron a Hispania Nostra a incluír a residencia fundada por iego Antonio de Ribeira Taybo e Fernández Varela na súa Lista Vermella do Patrimonio.

A entidade reseña que o lume levouse por diante “a cuberta (coas súas características mansardas), o forxado do primeiro piso e o chan do baixo, as carpinterías (xanelas, contras e portas), así como calquera elemento de enxoval ou decoración que queda na propiedade”. “O pouco que puido quedar deles acabou por podrecer baixo as inclemencias meteorolóxicas de máis dun cuarto de século” remarcan, xunto cos danos da vexetación selvática.

O bipartito PSOE-Anova, posteriormente PSOE-Alternativa mantendo as mesmas caras malia o cambio de siglas, prometera rehabilitalo como unha das medidas estrela do seu pacto de goberno. Tan só sinalizou as árbores senlleiras que aínda poboan o vello xardín pacego.

O edificio aínda tería que soportar outra agresión cando o urbanismo deseñado polo PSOE en Bergondo promoveu unha urbanización privada nos terreos do Pazo, quedando este delimitado por un muro de contención e segregado.

A Lista Vermella do Patrimonio é unha iniciativa da Asociación Hispania Nostra, nacida en novembro de 2007, co fin dar a coñecer e protexer aquela parte do noso Patrimonio cultural e natural que se atopa en abandono e en perigo. Recolle aqueles elementos do Patrimonio Histórico do estado español que se atopen sometidos a risco de desaparición, destrución ou alteración esencial dos seus valores.

Os criterios de inclusión na Lista baséanse, pois, na importancia histórica e arquitectónica do elemento patrimonial en cuestión, no estado en que atopa e no risco que recaia sobre el, considerando non só os seus valores obxectivos senón, principalmente, os subxectivos que a sociedade lle outorgue, de conformidade co significado máis actual de Patrimonio.
A Lista Vermella elabórase baixo supervisión dunha comisión científica integrada por especialistas na materia.

Non é o único ben de Bergondo na Lista Vermella

Tamén está incluída nesta Lista Vermella a bergondesa Casa do Cortés, en Guísamo, polo seu “alto risco de derrube, erosión e pudrición por acción meteorolóxica e vexetal”. Tamén o Mosteiro de Monfero, debido á “perda todal das dependencias do mosteiro”, xa que se ben a igrexa foi recuperada, “o resto de dependencias do convento atópase en ruínas”.