Mariñán acolle a Escola de Verán dos fiscais, sobre violencia machista

Vista do Pazo de Mariñán

A fiscal xeral do Estado, María José Segarra, inaugurará o mércores, día 12, a Escola de Verán do Ministerio Fiscal. Ata o día 14, fiscais de todo o territorio español abordarán, no Pazo de Mariñán, en Bergondo, “os avances e os retos que expón a loita contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller”.

Así o informa a Fiscalía Superior de Galicia, que explica que, durante tres días, “abordaranse todos os aspectos relevantes en relación con este problema”. Farase, engade, “partindo da análise da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero; o convenio de Estambul e o pacto de Estado, ademais doutras cuestións de gran relevancia como a atención integral á vítima e a súa asistencia xurídica”.

Segundo a Memoria da Fiscalía Superior de Galicia, en 2018 volveron incrementarse os principais parámetros relacionados coa violencia machista. As denuncias formuladas ascenderon a 6.537, un 1,5% máis que no ano anterior.

Increméntanse as vítimas, as ordes de afastamento e os casos entre menores

O número de mulleres vítimas aumentou un 3%, ao pasar de 6.001 en 2017 a 6.183 o pasado ano.

Mentres, as ordes de protección experimentaron un aumento do 4,8%, ao sumar 2.021 fronte ás 1.928 que se rexistraron en 2017. Diminuíron, con todo, os procedementos incoados nos xulgados un 3,7%, posto que dos 7.554 de 2017 pasouse a 7.271 en 2018.

Segundo a Fiscalía Superior de Galicia, outro dos aspectos que se abordará nas xornadas é o da violencia de xénero entre menores de idade.

Segundo a última Memoria do Ministerio Público, correspondente a 2018, diminuíron sensiblemente os delitos de lesións (-10,6%) e contra o patrimonio (-18%), mentres se incrementaron os delitos de tipo sexual (32,7%) e de violencia familiar (18,2%) e de xénero, que pasou de 20 casos en 2017 a 40 o ano seguinte.