Denuncian a destrución parcial do castro de Bergondiño por unha tala

Imaxe da tala, da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego denunciou unha tala no castro de Bergondiño que está a afectar ao xacemento. A entidade difundiu varias fotografías dos traballos e denunciou o impacto nun xacemento incluído no Plan Básico Autonómico.

A entidade, inserida na Rede Galega do Patrimonio, advirte da ausencia de medidas preventivas preceptivas para evitar danos ao castro e cuestionou que dispuxese dos preceptivos permisos.

O bipartito PSOE-Alternativa saíu contra o colectivo, por medio doutro comunicado no facebook, acusando á entidade de ser “totalmente alarmista” e asegurando que a actuación conta con “todos os permisos”. O executivo bergondés asegura que “non é verdade que se estea arrasando o castro”.

Sostén, ademais, que teñen “o compromiso da empresa encargada da tala de ter o máximo respecto polo castro e delicadeza nos traballos”.

Á vista do ton e contido do comunicado de PSOE e Alternativa, foron moitos os internautas que terciaron na polémica. A propia entidade recriminou que  a información do goberno bergondés estivera “Tentándonos desacreditar, indicando que publicamos noticias falsas? Moi mala praxe por parte dun organismo oficial”.

Aínda non hai dúas semanas, Roxín Roxal alertaba de que outra tala en Paderne arrasara con dúas mámoas.