Bergondo inicia unha nova modificación do planeamento para construír pisos nos Condes

Imaxe do Plan de urbanización de San Cidre

Tras decidir a Xunta someter a avaliación ambiental o proxecto do bipartito bergondés para crear unha zona residencial e comercial no entorno da casa consistorial, PSOE e Alternativa decidiron iniciar un novo proxecto en lugar de axustarse ás determinacións do goberno galego.

A Xunta sometera a avaliación ambiental o proxecto considerando que tería “efectos significativos” a creación de 55 vivendas e un área comercial entre o Concello e a rotonda de San Cidre. En lugar de continuar a tramitación, practicamente un ano despois desta resolución do goberno galego, o executivo local presenta un novo proxecto abandonando o anterior.

A proposta presentada e en exposición pública presenta varios cambios na ordenación do ámbito. Se no primeiro documento o Concello delimitaba dous ámbitos, un de 2,8 hectáreas e outro de 0,04 hectáreas cunha altura máxima de baixo máis dúas plantas, agora recorta o ámbito de 2,8 hectáreas a 2 hectáreas, mantén o outro e delimita un novo sector de 0,085 hectáreas entre o centro de saúde e o espazo libre proposto.

Desta maneira, o ámbito máis próximo ao restaurante Os Condes verá reducida a súa altura máxima de edificabilidade- pasando de baixo e dúas plantas a unha soa- mentres que nas outras dúas mantén a de baixo máis dúas plantas. A Consellería de Medio Ambiente e Territorio advertira hai case un ano de que as alturas máximas propostas para a zona residencial e terciaria non resultaban “harmónicas coas edificacións existentes”.

O bipartito PSOE-Alternativa mantén a previsión dun supermercado nunha superficie de 2700 metros cadrados con baixo máis unha planta a pesar de que a Xunta suxería “restrinxir as volumetrías da zona comercial a planta baixa” .

A nova proposta prevé tamén cambios nas superficies, de maneira que a de usos terciarios pasa de 5400 a 5350 metros cadrados, redúcese o sistema viario, que de 11 000 metros cadrados queda en 9900, os espazos libres redúcense en dez metros cadrados ao caer de 2670 a 2660 metros cadrados e os equipamentos perdeb 50 metros cadrados, caendo dos 1100 a 1050.

O BNG presentara alegacións ao proxecto orixinal apadriñado, na altura, polo bipartito PSOE-Anova. A falta de capacidade do saneamento, a presenza dunha grande área comercial e a promoción de bloques de pisos no lugar de rehabilitar o núcleo tradicional de San Cidre centraban as críticas.

PSOE e Anova arremeteran contra os nacionalistas ata que Fariña e Babío abandonaron a formación quedando coas actas. Nese momento o voceiro nacional de Anova e exconcelleiro en Bergondo Antón Sánchez asegurou que a ruptura debíase precisamente a esta ordenación en San Cidre que a formación defendeu desde a súa entrada no bipartito bergondés.