Bergondo deseña un protocolo de accesos ao CPI Cruz do Sar

O edificio da Senra está a carón do Cuz do Sar

O Concello de Bergondo e o CPI Cruz do Sar mantiveron onte unha reunión de coordinación no propio centro de cara ao comezo do curso. “Haberá un reforzo, sobre todo nos primeiros días, por parte de Policía Local e Protección Civil” indica o goberno local, que explica que tamén se regularán os accesos nas escolas unitarias do municipio, que poderían modificarse segundo evolucione a situación sanitaria.

No CPI Cruz do Sar hoxe empezan o curso 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e mañá, en principio, incórporanse 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. As aulas impartiranse de 9:20 a 14:20 horas, sendo esta a hora de saída do alumnado que non asista ao comedor. Caso de usar este servizo, os cursos 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria comerán nas súas aulas e 5º e 6º de Primaria comerán no comedor.

O alumnado transportado en BUS permanecerá no mesmo ata as 9:20 horas, e sairán dos vehículos de xeito ordeado ao seu edificio para dirixirse á súa aula. Os autobuses desaloxaranse de un en un por órde de chegada.

O alumnado non transportado en BUS non accederá ao centro educativo ata as 9:20 horas. Ate ese momento deberán permanecer dentro dos vehículos particulares na explanada de A Senra para garantir distancias. A partir do toque do sinal de entrada no centro deixarán aos alumnos de xeito ordeado na zona da rampa de entrada para que se dirixan ao centro educativo.

Unha vez dentro do recinto escolar o profesorado xa se fai cargo dos alumnos e os dirixe ao edificio e aula. O alumnado non formará ringleiras e irá directamente á súa aula.

Para abandonar o centro, o alumnado que non utilice autobús será entregado polo profesorado do seu grupo ás 14:20 horas na rampa de entrada, de forma ordeada e por grupos, empezando por 1º curso e rematando por 6º curso.

O alumnado usuario do comedor, ás 15:00 horas será acercado, ao bús que lle corresponda, polo profesorado de cada curso, de forma ordeada e por grupos, empezando por 1º e rematando por 6º curso. No caso do alumnado que non use o bus, entregarase na rampa de saída despois de deixar aos usuarios de bús.