Agora Anova reproba a senda do río Maior que os seus edís proxectaran no goberno

Antón Sánchez e Juan Fariña cando ambos eran edís de Anova

Anova, que facía parte do bipartito bergondes cando se xestou o proxecto, anunciou que presentou alegacións ao Plan Especial senda fluvial do Río Maior. A agrupación asegura que é “preocupante” a denominación do mesmo, xa que consideran que “a senda fluvial non é máis que un pretexto para colocar os tubos e colectores, un xeito de tapar a obra cun camiño”. Aseguran que o lóxico sería, como afirma o BNG, planificar conxuntamente a obra co concello veciño.

Os do exedil non adscrito Antón Sánchez aseguran que “o proxecto fala da colocación de tres colectores principais e sete xa existentes, as augas residuais irían a dar a unha estación de bombeo que terá que impulsar as augas sucias de máis de trescentas vivendas”. “Non parece que esta estación teña capacidade para iso co risco de verquidos que iso supón” advirten, asegurando, ademais, que “o proxecto tampouco especifica ate que punto a EDAR de Gandarío podería asimilar as augas residuais bombeadas dende esta zona”.

Aseguran que o plan tal e como foi presentado polo daquela tenente de alcalde de Anova Juan Fariña supón un “risco elevado de contaminación por desbordamentos en determinados momentos, e todo elo é consecuencia dun deseño municipal do saneamento irracional e insostible como xa temos denunciado anos atrás ante a construción da EDAR de Gandarío”. “Colocar agora tres colectores principais a carón do cauce nos parece un risco moi serio,é por iso que solicitamos un estudo do estado do río e que se busque un trazado alternativo para unha obra moi necesaria para os veciños” aseguran.

Finalmente refírense a dezaseis elementos de interese cultural existentes no trazado da senda, “nun pésimo estado de conservación” para os que “non está previsto investimento de ningún tipo” mentres “hai unha partida de 80.387,60 euros para mobiliario urbano e arbolado”.

Fariña foi edil e candidato de Anova ata hai dez meses

Anova contou con dous edís na Corporación de Bergondo tras saír do BNG coas actas o actual portavoz nacional da formación, Antón Sánchez, e Juan Fariña. Fariña foi cabeza de cartel de Anova nos seguintes comicios mantendo os dous escanos e conformando o bipartito que rexiu Bergondo a pasada lexislatura.

A finais dela, quedando coas actas, el e o seu compañeiro Eloi Babío pasáronse a Alternativa dos Veciños e renovaron bipartito co PSOE. Anova desmárcase agora das actuacións institucionais dos seus edís durante a pasada lexislatura, na que non desautorizaron ningunha actuación ata que a marcha de Fariña e Babío foi un feito consumado, culpando da mesma á recualificación en San Cidre.