Á venda por 3,8 millóns o pazo de Armuño, coa reixa do Pasatempo

Porta principal ou dos Leóns do vello Pasatempo. As esculturas foron vendidas a Covadonga e o portal ao bergondés pazo de Armuño

O pazo bergondés de Armuño está de oferta. Un portal inmobiliario ofrece o edificio catalogado, que se remonta á Idade Media, por 3,8 millóns de euros. Quen se faga con el levará o pazo,cuxa construcción principal é do XVIII, a vivenda dos guardeses, capela, hórreo e xardíns de máis de 9000 metros e outra parcela de 60 000 metros cadrados fóra do recinto pechado.

Ademais da torre almeada de orixe medieval e os brasóns das familias Figueroa, Bermúdez e Boado que o habitaron nalgún momento, o portal Idealista pasa por alto outro atractivo da finca.

O peche principal ten unha verxa de ferro fundido a cabalo entre o século XIX e o XX, que procede doutro ben patrimonial singular da comarca. Quen compre o pazo comprará, sen sabelo, un anaco do Pasatempo e entrará e sairá da finca pola reixa que noutrora gardaran os leóns que hoxe repousan en Covadonga.

A reixa, coma os felinos de mármore, foi vendida polos fillos e netos de Juan García Naveira cando comezaron a desmantelar a finca do Carregal.