A Deputación amplía o horario de visitas a Mariñán

Pazo de Mariñán, unha atracción turística da Deputación na nosa comarca

A Deputación da Coruña amplía durante o verán os horarios e servizos de atención a visitantes dos diversos monumentos e edificios que forman parte do patrimonio histórico-artístico provincial.

Durante a época estival, o Pazo de Mariñán, en Bergondo, permanecerá aberto ao público dende ás 9.00 ás 21.00 horas. Ademais de visitar os xardíns do pazo, con máis dun centenar de especies de plantas e árbores procedentes dos cinco continentes, entre os que están os eucaliptos máis antigos de España nacidos das sementes traídas de Australia por Fray Rosendo Salvado.

Os xardíns do pazo albergan tamén a colección de mirtos máis valiosa de Galicia.

Os visitantes terán a oportunidade de participar, de 11 da mañá a 8 da tarde, cada 45 minutos, en visitas guiadas polo interior do edificio do século XVIII, e de coñecer de primeira man as numerosas historias que gardan as súas paredes de pedra.