Augas exixe reducir nun 10% o consumo de auga en torno ás rías de Betanzos e A Coruña pola seca

Vista da seca no encoro de Cecebre

Os concellos que se abastecen do río Mero, o Mandeo e dos sistemas da ría da Coruña e Betanzos deberán reducir, no que queda de mes, reducir nun 10% o seu consumo non esencial de auga, segundo requeriu o director de Augas de Galicia aos municipios. A decisión aplícase aos concellos da Coruña, Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes, que xa empezaron a emitir bandos municipais para solicitar á poboación que faga un uso máis responsable dos recursos, por exemplo, poñendo o lavalouzas e a lavadora sempre cheas.

Os concellos que aínda non publiquen esta información farano nos próximos días, tal e como acordaron na reunión con Augas de Galicia, centrada en combater os efectos da alerta por seca. O organismo demanda tamén aos concellos a que faciliten os datos dos seus usos e consumos de auga para saber en que porcentaxe pode colaborar cada un a que se consiga o obxectivo de rebaixar un 10% o consumo non esencial. A situación entra nunha nova fase, pois as reservas no encoro de Abegondo sitúanse xa no 36%.

O goberno municipal de Betanzos xa anunciou hai unhas semanas que reducía baldeos e regas ao imprescindible reclamando colaboración veciñal. Porén, na última semana ven desenvolvendo limpezas coa hidrolimpadora en diversas rúas do municipio que contradín este chamado á cautela coa auga.