Augas de Galicia denuncia vertidos desde as depuradoras da comarca

Imaxe dun verquido á ría desde a depuradora municipal de Betanzos o pasado decembro

Os vertidos de augas fecais aos ríos e espazos húmidos de Betanzos e a súa comarca non son soamente cousa de escapes da rede de saneamento municipal. Así o evidencia un informe realizado para Augas de Galicia, que alerta das múltiples deficiencias detectadas en depuradoras de augas residuais con xestión municipal.

Nesta auditoría técnica, encargada á empresa Adantia, analizáronse 119 depuradoras de municipios galegos con máis de 2000 habitantes e tan só aproban o 42 %. Na comarca coruñesa e As Mariñas analizáronse 13; ningunha obtivo un aprobado folgado, e quedaron fóra desta exaustiva análise as depuradoras rurais da conca fluvial do Mero en Betanzos (Guiliade, Piadela, Viladesuso) e mesmo as de municipios enteiros por non acadar a poboación superior a 2000 veciños (casos de Coirós ou Paderne).

A auditoría de Augas de Galicia constata que na depuradora bergondesa de Miodelo prodúcense fortes infiltracións de augas brancas na rede de colectores que dificultan o desenvolvemento do proceso. O decantador secundario a caudal medio de deseño supera os valores recomendados e, ademais, destaca que a estación depuradora carece de desinfección a pesar de verter moi preto dunha zona con produción marisqueira.

A outra EDAR municipal de Bergondo, a de Gandarío, está a recibir unicamente o 12 % do caudal para o que foi deseñada, o que afecta o desenvolvemento do proceso biolóxico. O baixo caudal é debido á falta de acometidas a través da rede de saneamento. “Debe promoverse a conexión á rede de saneamento das vivendas que se atopen próximas ao seu percorrido”, indica o informe. E recomenda que se reaxuste a dosificación de cloruro férrico. Queda fóra da análise a EDAR do polígono bergondés.

A depuradora brigantina, ubicada no porto betanceiro sobre o vello carrizal da Cangrexeira, presenta problemas nas estruturas de obra civil e de asentamento de terreo. As entradas de auga de mar na rede de colectores coas mareas altas fan que o caudal recibido sexa un 30 % inferior. Ademais, a vertedura industrial de matadoiro, con altas concentracións de graxas, materia orgánica e nitróxeno, son un grande problema para o seu correcto funcionamento. Ademais, o sistema de deshidratación de lodos, debido á súa antigüidade, rexistra avarías frecuentes.

Tamén cun caudal moi inferior ao proxectado funciona a depuradora de Miño, ubicada no cauce do río Baxoi en Bañobre. O seu caudal oscila entre o 10 % e o 50 %. Hai infiltración de augas brancas. O informe destaca que esta planta acolle as augas negras dun elevado número de fosas sépticas de Paderne e Vilarmaior sen ter a planta de sistema de recepción de fosas.

A outra depuradora de Miño, a da Ribeira, rexistra insistentemente a presenza e persistencia de bacterias filamentosas no licor de mestura, que provocan serios problemas de decantabilización. A auditoría pon de relevo que, ademais, as capacidades de pretratamiento e da liña de lodos son insuficientes, e o uso de equipo ultravioleta é inadecuado.

En Sada, como acontece en Betanzos ou Miodelo, a entrada da auga do mar a través de fisuras na estrutura do pretratamiento e do reactor biolóxico afecta á calidade da decantación e á explotación. Ademais, rexístranse vertidos de fosas sépticas e de industrias conserveiras e, para maior problema o emisario submariño non está operativo.

En Curtis, augas arriba do Mendo, a planta non está adaptada para pretratamento, presenta problemas no desarenador, o pozo de bombeo ten pouca altura e as bombas non teñen variador de frecuencia. Ademais, prodúcese o envío de retornos ao pozo de entrada, onde esta situado o alivio ao río. A outra EDAR do municipio, a de Teixeiro, ten infiltracións e augas pluviais e alivios frecuentes e pouca desinfección.

A Directiva europea que regula as condicións ambientais da auga exixía que no ano 2015 todas os cursos de auga que dan ao mar, como as rías galegas. O estado español ten varios expedientes abertos por incumprir esta directiva.