ASOCIM demanda o reforzo dos CIM no 2020

Parte da equipa directiva de ASOCIM.

ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia) demanda para 2020 o cese de todas as violencias machistas (psicolóxica, física, sexual, económica) e a conquista dunha sociedade igualitaria. De aí a necesidade de mellorar o reparto dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, poñendo o foco na optimización dos servizos que traballan coas vítimas e no aumento das axudas destinadas ás mulleres que están a sufrir violencia machista. Prestacións, cuxa contía e duración deben obedecer á situación real de vulnerabilidade que viven, permitíndolles atender as súas necesidades e situalas nun eido seguro desde o cal recuperar a súa liberdade e independencia. Un exemplo dos casos que necesitan unha liña de axudas específicas é o das mulleres maiores, xa que, pola súa idade e dada as altas posibilidades de que non cotizasen durante a súa vida laboral, quedan fóra do sistema de prestacións.

Como terceiro desexo, ASOCIM pide reforzar os Centros de Información á Muller tanto a nivel de persoal como de recursos. Solicitan que os CIM cunha alta actividade conten cunha/cun auxiliar administrativa/o e as tarefas de dirección se desenvolvesen de forma independente das funcións da/o avogada/o e/ou psicóloga/a para que poidan ocuparse plenamente da atención especializada ás usuarias.

Ademais, é imprescindible a expansión dos centros para poder atender en tempo e forma ás mulleres das zonas rurais da comunidade, en especial ás do interior de Lugo e Ourense, provincias marcadas pola alta dispersión da poboación, e, deste xeito, que todos os concellos galegos conten cun CIM.

A reivindicación dunha formación continuada, especializada e de calidade para as/os profesionais dos Centros de Información á Muller é outro dos puntos que marca a axenda de ASOCIM para o 2020. Ademais, desde un tempo a esta parte, deben atender tamén aos colectivos de menores e LGTBI+ e reclaman que se lles dote aos CIM de persoal experto nestas materias.

En canto aos Puntos de Encontro Familiar, é necesario mellorar o seu funcionamento marcado pola falta de traballadoras e traballadores e tamén da preparación adecuada, o cal provoca moitas situacións conflitivas, como que as vítimas teñan que cruzarse cos seus agresores.

Desde a asociación mostran a súa preocupación porque aínda desde certos ámbitos da saúde e a xustiza se siga a falar da síndrome de alienación parental (SAP), cando a teoría, elaborada polo médico Richard Gardner que viña a dicir que durante un proceso xudicial pola custodia dos menores, un dos proxenitores (a nai en máis dun 90% dos casos) alinea á nena/o contra o pai, foi rexeitada tanto desde a Asociación Americana de Psiquiatría como pola Organización Mundial da Saúde, e piden que se deixe de usar e promover.

Seguindo esta corrente, ASOCIM pide a supresión do Servizo de Apoio Familiar (SAFIM[1]), recentemente posto en marcha na nosa comunidade, ao tratarse dun servizo de mediación e coordinación parental que podería poñer en risco o benestar dos menores ao influír no transcurso do proceso xudicial e carecer de imparcialidade, elemento esencial na súa aplicación. Pois son as propias persoas integrantes da Asociación Galega de Pais e Nais Divorciados, entidade promotora, que poidan estar, ou estiveron, involucradas en procedementos xudiciais, as responsables da selección do persoal.

Por todo isto, en opinión desta organización, a formación en igualdade deberá ser obrigatoria, e unha realidade, no ámbito xurídico, policial, sanitario para unha abordaxe completa desta problemática social desde todos os campos que lle competen. Nesta liña, os medios de comunicación deberán poñer en práctica as recomendacións dadas para o tratamento informativo dos casos de violencia de xénero, como a Declaración de Compostela, e fuxir do morbo e do ataque á intimidade persoal e familiar das vítimas.

Pechan esta listaxe, o 11º e o 12º desexo: a firma dun Pacto Galego contra a Violencia Machista e que todas as mulleres asasinadas por violencia machista figuren nas estatísticas oficiais, elaboradas pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, independentemente de se existía unha relación sentimental co asasino ou non.