As mulleres protagonizan o Ciclo Etnográfico de Cinema Galego da Deputación

O antigo Cine Capitol

Obras de Jaione Camborda, Gloria Vilches, Lucía Vilela, Diana Toucedo, Xacio Baños e Ana Domínguez, directora da iniciativa, compoñen o programa do Ciclo Etnográfico de Cinema Galego que a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar o vindeiro día 27 de setembro en Neda. A Pobra do Caramiñal e Oroso serán as seguintes citas deste ciclo que forma parte dos proxectos da institución para difundir o audiovisual galego.

Cinco curtas e unha longametraxe forman parte do programa do Ciclo Etnografico de Cinema Galego que levará a tres concellos da Coruña traballos audiovisuais que mostran a vitalidade do xénero na cultura galega. En concreto “Rapa das Bestas” de Jaione Camborda, “O fareiro de Sálvora” de Gloria Vilches, “Toxos e Flores de Lucía Vilela, “Homes” de Diana Toucedo” e “Ser e voltar” de Xacio Baño son as curtametraxes do programa que se completa coa proxección da longametraxe “Os fillos da vide” de Ana Domínguez, tamén directora do ciclo.

“A mirada feminina sobre o rural está presente neste ciclo coa obra de cineastas que mostran a súa creatividade arredor da natureza, o mundo da aldea e as tradicións. Trátase dun ciclo que dá conta de obras de grande calidade que intentamos difundir con este ciclo”, sinala a directora Ana Domínguez.

Pola súa parte, o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, destaca que esta é “unha posibilidade para achegar ao público producións que levan ao audiovisual temas centrais da nosa identidade e que atopan dificultades na súa difusión”. Neste sentido, Couto insiste na “grande altura do Novo Cinema Galego, na súa singularidade e na capacidade para mostrar o que somos, como se pode comprobar neste programa que ofrece a obra de cinco directoras e un director con apostas interesantísimas”.

O Ciclo insírese, segundo o deputado de Cultura, no esforzo desenvolvido pola Deputación da Coruña para contribuír á difusión do cinema galego no que se atopa tamén a nova liña de apoio á distribución da que este ano se benefician novas producións como de “O que arde” de Oliver Laxe, “Hamada”, de Eloy Domínguez, “Arima” de Jaione Camborda, “Longa noite” de Eloy Enciso, “7 Limbos” de Berio Molina e Alexandre Cancelo, “A portuguesa” de Rita Azevedo e “Tempo Vertical” de Lois Patiño.