As Mariñas recupera a cebola e o repolo de Betanzos

“Repolo de Betanzos e mais cebolas” era o remate do retrouso dunha coñecida copla popular que exaltaba dous dos produtos máis singulares da horta na nosa cidade e a súa área de influencia. Consciente desto, o Grupo de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos, no marco do novo proxecto de cooperación “Novos Horizontes”, no que participa con outras once entidades similares de Galicia e Asturias, trata de recuperar as variedades locais de tomate (Negro de Santiago e Avoa de Osedo), cebola (Ribadeo, Vilagarcía e Betanzos), repolo (Betanzos), pataca (Fina de Carballo), e pementos (Arnoia, o Couto, Punxín, Mougán e Oimbra).

Esta iniciativa, segundo indicaron onte dende o grupo, responde a unha necesidade debido a que estas variedades estanse perdendo cos cambios na agricultura e o abandono do rural.

O proxecto, que se desenvolve en colaboración cos agricultores locais que puxeron en funcionamento parcelas de demostrativas destas variedades, conta co apoio e asistencia técnica do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas.

O proceso completarase o luns, 12 de setembro, coa xornada “Variedades locais e gastronomía”, que terá lugar na Aula de Cociña de Porto Muiños. O obxectivo desta actividade pasa por dar a coñecer os produtos cunha degustación de pratos elaborados por profesionais.