Arredor de 400 crianzas participaron nos campamentos deportivos da Deputación

Catrocentos nenos e nenas procedentes dos 93 concellos coruñeses gozaron durante o mes de xullo dos campamentos deportivos de verán organizados pola Deputación da Coruña no colexio Calvo Sotel0, propiedade do ente provincial.

As deputadas responsables das áreas de Deporte e Mocidade, Cristina Capelán e Sandra González, despediron esta semana aos 100 participantes na derradeira quenda dos campamentos, destacaron o éxito do programa e felicitaron os monitores encargados do coidado dos cativos polo traballo desenvolvido, que incluíu un amplo programa de actividades deportivas e lúdicas.

Nesta última semana participaron nenos e nenas dos concellos de Ames, A Baña, Boiro, Boqueixón, Brión, Dodro, Lousame, Negreira, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vedra

Durante todo o mes, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de participar en actividades náuticas, practicar tenis, fútbol, baloncesto, natación ou sendeirismo; así como gozar dun paseo en barco pola ría da Coruña e visitar lugares de interese coma a Torre de Hércules, a Casa dos Peixes, o xardín de San Carlos, o castelo de San Antón e o mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume.