Arquivada a denuncia dos Franco contra Babío pola súa opinión sobre a adquisición de Meirás

O investigador Carlos Babío, que documentou o proceso polo que o Pazo de Meirás pasa a mans do dictador nun acto da Deputación

O xulgado de instrución nº 4 de Alcobendas arquivou a querela por inxurias que os netos do ditador Francisco Franco interpuxeron contra o investigador sadense Carlos Babío e os xornalistas do programa de La Sexta “Equipo de Investigación” polas inxurias supostamente verquidas contra o dictador no programa Os papeis secretos de Franco’, emitido o 20 de novembro de 2018.

No auto que ordena o arquivo o xuíz lembra aos netos do dictador que co actual Código Penal en 1995, os herdeiros dunha persoa falecida non poden interpoñer querelas nos xulgados do penal por presuntas inxurias ou calumnias cometidos contra un familiar falecido, cousa que si admitía o Código Penal franquista. A xustiza remarca no seu auto que as opinións recollidas no programa demandado non fan nin unha “soa referencia persoal a ningún dos querelantes”.

O xulgado destaca, ademais, que o contido do programa nin as declaracións dos investigadores demandados “recolle nin un só reproche nin crítica persoal nin comentario insultante” contra eles. “Este instrutor descoñece cal pode ser o obxectivo da querela penal, pero sen dúbida carece de fundamente fáctico” conclúe o xuíz.

A resolución pon o ramo ao proceso xudicial que os herdeiros do dictador puxeran contra o autor de Un pazo, un espolio, un caudillo. Babío, porén, aínda ten outra causa xudicial pendente por unha demanda similar. Os herdeiros de Franco tamén teñen demandando, con elevadas peticións de cadea, aos activistas que ocuparon o pazo un día de visita pública demandando a súa devolución, nun xulgado de Betanzos. Na Coruña, pola súa banda, séguese outro xuízo contra outros activistas que despregaron unha faixa na balconada da que fora Casa Consistorial, a chamada Casa Cornide, que pasou tamén a mans do dictador.