O BNG denuncia un vertedoiro ilegal en Aranga

Carlos Díaz é o portavoz do BNG de Aranga

As redes sociais fixéronse eco onte dun vertedoiro ilegal de residuos no punto de recollida de plásticos agrarios, instalado hai meses polo Concello de Aranga. Nas proximidades do punto de recollida acumúlanse todo tipo de residuos, como neumáticos, bañeiras ou restos de obra. O grupo local do BNG denuncia os feitos e empraza ao goberno local a actuar, para evitar que se consoliden estas prácticas incívicas.

Creación dun punto limpo de ámbito comarcal

“Aranga carece aínda dun punto limpo e a aparición de vertedoiros de residuos incontrolados demostra a falta de sensibilidade ambiental e de control por parte do goberno local”, denuncian desde o BNG.

Desde o BNG lembran que o goberno local de Aranga asinou en precampaña das locais un convenio para usar o punto limpo de Curtis, que privatizaba a recollida e que resultaba ademais “caro e ineficaz”. Fronte á opción do convenio co concello de Curtis, reclaman a creación dun punto limpo comarcal, compartido entre varios concellos, porque consideran que os servizos mancomunados son “vitais para lograr a súa viabilidade económica, máxime se temos en conta a demografía de concellos como Aranga.

Outro servizo máis, avanzan desde a formación nacionalista, debera ser o “punto limpo móbil”, que ven “ideal para unha poboación dispersa”, porque facilita á veciñanza a xestión dos residuos non voluminosos e a reciclaxe, mediante recollida selectiva nun vehículo onde un operario/a axude a depositar e clasificar pequenas cantidades de residuos non orgánicos, ademais do servizo de recollida periódica de mobles e outros enseres xa existente.

Outras propostas en materia ambiental

Por outro lado, engaden os nacionalistas, este vertedoiro ilegal demostra que o modelo de xestión dos residuos do PP “non funciona, ou directamente non existe”. Nese sentido, os nacionalistas propoñen un cambio de modelo de xestión dos residuos por unha cuestión de eficiencia e de sostenibilidade e tamén porque se trata dun cambio “inevitábel, que contribuirá ademais a abaratar o recibo do lixo. A compostaxe xenérica e a recollida porta a porta son o futuro”, concluíu Díaz.

Segundo apuntan desde o BNG, “se queremos ver Aranga libre de vertedoiros ilegais, a concienciación é fundamental, mais tamén o é mellorar a xestión do servizo, con máis frecuencias de recollida e de limpeza de colectores, que no rural deixa moito que desexar, afirmou o responsábel nacionalista, Carlos Díaz.

O modelo actual de xestión de residuos en Aranga opta hoxe por unha recollida de lixo centralizada e ao servizo de intereses privados con destino á planta incineradora de Sogama. “Aranha necesita un punto limpo comarcal, e nós defendemos o seu carácter mancomunado. Hoxe por hoxe, Aranga non está no Consorcio das Mariñas e non pode beneficiarse, salvo outro novo convenio, dos seus servizos presentes ou futuros”, asegurou o voceiro nacionalista.

Desde o BNG, en definitiva, propoñen unha alternativa que pasa por unha aposta decidida pola compostaxe, tanto individual como comunitaria, un punto limpo comarcal fixo e outro móbil, ademais do estudo para a implantación da recollida porta a porta, “xa testado con éxito en concellos gobernados polo BNG como San Sadurniño”. Estas propostas, din no BNG, permitirán aforrar na factura da recollida do lixo.