Mulleres de Aranga participan no documental “O rural é de todas” promovido pola área de Igualdade da Deputación

Un intre da grabación. Deputación

A área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa o proxecto audiovisual “O rural de todas” que ten como obxectivo contribuír a unha maior visibilidade do traballo das mulleres do rural. Mulleres de cinco concellos participan nesta iniciativa que remata neste Día Internacional da Muller Rural as gravacións do documental que se estreará antes de fin de ano.

Mulleres dos concellos de Muxía, Ortigueira, Teo, Aranga e A Pobra participaron no proxecto audiovisual “O rural de todas”, promovido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña que inicia agora a súa fase de montaxe, despois da gravación ao longo do verán. ”

O documental ten como obxectivo a visibilización do papel fundamental que realizan as mulleres, infelizmente, non recoñecido no seu valor”, sinala a deputada de Igualdade, a nacionalista María Muíño.

A través do documental plasmaranse historias e experiencias diversas que axuden a unha maior sensibilización sobre a importancia dos traballos que as mulleres desenvolven na sociedade. O proxecto audiovisual “O rural de todas” , que ten un enfoque participativo e interxeracional, vén de rematar as sesións de formación e gravación nos cinco concellos participantes.

“Se as mulleres foron silenciadas na historia, en determinados ámbitos aínda foron dobremente invisibilizadas. No rural acontece e, desta maneira, descoñécese o traballo que desenvolven e o papel que cumpren en distintos ámbitos, no traballo produtivo mais tamén na transmisión da cultura ou nos afectos… este proxecto ten como obxectivo visibilizalas e darlle o protagonismo que merecen”, explica a deputada do BNG María Muíño.

A Covid-19 atrasou tamén a presentación do resultado final do proxecto que estaba previsto para este 15 de outubro, data na que, debido á pandemia e ás medidas de seguridade e os protocolos sanitarios, anúnciase o fin do proceso de gravación e inicio de edición e posprodución.

Diferentes perfís e experiencias

Durante o verán de 2020 arredor de 50 nenas e nenos e 10 mulleres referentes de 5 concellos da provincia participaron na creación do documental co apoio dun equipo de profesionais do audiovisual.

“O rural de todas” é unha mestura de diferentes perfís e experiencias, onde se xuntan un feixe de mulleres diversas e de distintas xeracións que falan dende o seu sentir, reivindicando e resignificando o papel das mulleres no rural, amosando as realidades dun rural que é o rural de todas.

A peza final terá uns 50 min de duración e será presentada publicamente pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, dirixida polo BNG,  a mediados do mes de decembro de 2020.

A área de Igualdade apoiou tamén a través da última convocatoria dos premios Luísa Villalta de cultura pola igualdade o proxecto da escola EspadEla que desenvolve un proxecto que inclúe obradoiros, espazo de reflexión e empoderamento e a publicación dun libro que ten como obxectivo a visibilización do seu traballo e o seu papel no desenvolvemento da comunidade que ten como centro as historias de vida das mulleres do rural.