O cura de Xestoso critica o silencio da Igrexa nos casos de abusos pedófilos

O crego de Xestoso, Luis Ángel Rodríguez Patiño

Luis Ángel Rodríguez Patiño, o crego de Xestoso, aproveitou a celebración da Asunción, o pasado día 15, para “denunciar a actuación dos sacerdotes pederastas e o silencio da xerarquía eclesiástica ante tales abusos”. Na homilía asegurou que resulta rechamante que feitos como os que agora están saíndo á luz “sucedan con persoas que teñen a Deus por norte” e explicou que sexan ou non públicos, “son unha vergoña”.

En canto á postura da Igrexa, tamén cuestionou a súa forma de actuar, “evitando a cuestión, sen mirar aos ollos danados da vítima” e cualificou de “terroristas” a todos aqueles que co seu silencio trataron de ocultar a “podremia da acción”. “Son terroristas”, sostén “porque terror é o que sente o que o padece. Terror o que sofre cando non pode contalo. Terror dálle pensar en denunciar” e “terror que vai desaparecendo cando vai curando a ferida”. “Deus misericordioso non está rifar co código civil dunha sociedade democrática” asegurou, e subliñou, así mesmo, que “son escasos os pedófilos en relación ao número total de sacerdotes”.