A Xunta anuncia que abrirá unha casa do maior en Aranga e dúas en Monfero

A Xunta anunciou a apertura de 30 casas do maior unha delas en Aranga e dúas en Monfero. É unha fórmula que copia o modelo de casas niño, que xa son 46 na actualidade e son vivendas particulares, cun profesional acreditado á fronte que coida de nenos pequenos. Trátase dun sistema de xestión privado no que a Xunta da unha cantidade a unha vivenda privada para suplir un servizo imprescindíbel pero que non existe na maioría dos concellos rurais.

O obxectivo da iniciativa segundo a Xunta “é axudar a fixar poboación no rural, achegando servizos que se ofrecen habitualmente en municipios máis grandes”. Cada casa atenderá entre dúas e cinco usuarios durante oito horas diarias, de forma flexible. Como mínimo, crearase un posto de traballo por cada Casa do Maior. Estas instalacións estarán operativas de luns a venres, salvo festivos e o mes de vacacións, durante os cales permanecerán pechadas.

Das trinta primeiras Casas dúas Maior unha estará en Aranga e dúas en Monfero. A Xunta recibiu 36 ofertas de vivendas e seleccionou 30 e entre elas repartirá un millón de euros, dos cales 400.000 serán para gastos de adecuación das infraestruturas, cun máximo de 15.000 euros cada unha, e outros 600.000 euros para axudar a empezar a desenvolver a súa actividade.

Mentres na nosa comarca non existe ningún centro de día nin xeriátrico público como leva anos reclamando o BNG.