Aranga e Curtis melloran as súas estradas e camiños rurais co Plan Único da Deputación

Unha estrada da Deputación

O Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña investirá máis de 228.000 euros en dous proxectos de mellora e pavimentación de estradas e camiños municipais nos concellos de Curtis e Aranga. As obras veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado e teñen aberto o prazo de presentación de ofertas até o día 12 de novembro no caso de Aranga e até o día 13 de novembro no caso de Curtis.

As obras de Curtis, cun orzamento de 130.841,26 euros, consistirán na ampliación e pavimentación do camiño de acceso a Chacente, Portolamoso e Arresclavo dende Mostás (Santa Eulalia) e incluirán a ampliación da calzada, o que mellorará a seguridade do vial, e a pavimentación e reforzo estrutural do firme para dotalo dunha maior resistencia ao paso de vehículos pesados e maquinaria agrícola. Asemade, renovarase a rede de pluviais existente, adaptándoa ás novas rasantes e ampliacións proxectadas.

Pavimentación de núcleos rurais en Aranga

Aranga optou tamén por destinar parte dos fondos do POS+2019 á mellora de camiños e estradas municipais. En concreto, investirá 97.470,97 euros nun proxecto de pavimentación de dez viais na parroquia de Cambás.

As obras levaranse a cabo na estradas de Mahía a Raiz, a Portalama e a Xocín, nos camiños de Baltar a Xocín, de Cruz de Cambás á cooperativa, Vide a Couce e da Lousa a Portocabado. Tamén se mellorarán os accesos aos núcleos rurais de Paicamiño, A Lousa e Vide.