AESGAL dá a coñecer a situación das mulleres na economía social na xornada ‘Mulleres directivas… Habelas hailas!’ de AJE A Coruña

Berta Lema, durante a súa exposición

A xerente da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL), Berta Lema, participou este luns na xornada Mulleres directivas… Habelas hailas!, organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña (AJE), con motivo do Día Internacional da Muller, no centro Accede Papagaio da cidade herculina.

Lema debullou os atrancos cos que se atopan as mulleres á hora de desenvolver a súa carreira profesional. Entre eles a fenda salarial á que se teñen que enfrontar ou a necesidade de optar por excedencias e/ou reducións de xornada para poder ocuparse do coidado das crianzas e das persoas dependentes próximas; sen esquecer que son elas as que teñen máis empregos a tempo parcial.

Un panorama que contrasta coa situación que viven as mulleres que traballan nas empresas e entidades de economía social, sexan sociedades laborais, cooperativas, centros especiais de emprego ou empresas de inserción, entre outras. Tal e como apuntou a xerente de AESGAL, o compromiso por acadar a igualdade entre homes e mulleres forma parte dos valores sobre os que se sustentan estes modelos de actividade económica.

Por exemplo, no caso das sociedades laborais, no ano 2009 o 35% das persoas socias eran mulleres, unha porcentaxe que aumenta ata o 41% no ano 2018, segundo datos recollidos no Libro Branco da Economía Social en Galicia. Nesta liña, tal e como apunta a Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), as mulleres ocupan o 38% dos postos de liderado nas empresas de economía social fronte ao 9% no sector empresarial.

As persoas sempre son o primeiro para esta forma de facer empresa, de aí que se aposte por un emprego estable con maior poder de resistencia á crise, se rexistre unha maior vontade á hora de poñer en marcha programas de conciliación e se desbote aplicar diferenzas salariais por razón de sexo.

A xerente de AESGAL informou ao público asistente do traballo que desenvolve a asociación desde hai unha década na defensa e promoción das sociedades laborais galegas, un modo máis social e humano de entender a economía desde a cultura da participación e o risco compartido, así como dos servizos de asesoramento e acompañamento que ofrece.

Ademais de Lema, tamén deron a coñecer como é a situación laboral das mulleres no seu campo de traballo, Gabriela González, directora de RI, RSE, Comunicación e Área Cliente de Vegalsa-Eroski; Irantxu Díaz, xerente de mercados de IKEA, e Xulia Santiso, directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A xornada foi inaugurada polo presidente de AJE A Coruña, Miguel Miragaya, e a concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo do Concello da Coruña, Eva Martínez.