Aberto o prazo para solicitar 85 bolsas artísticas, deportivas e de investigación da Deputación

A Deputación da Coruña amplía ata o 30 de xuño o prazo de solicitude das súas bolsas artísticas e de investigación 2020. A Deputación da Coruña convoca 40 bolsas, vinte delas para apoiar a investigación en diferentes ámbitos e outras vinte para contribuír ao perfeccionamento de estudos artísticos, dotadas cun total de 340.000 euros.

En concreto, contémplase un orzamento de 160.000 euros para apoiar a realización de 20 proxectos de investigación que aborden temas de interese relativos á realidade social, cultural, económica e política. Cada unha destas bolsas estará dotada con 8.000 euros para a realización de traballos de investigación cunha duración mínima de nove meses nas seguintes áreas: Ciencias (3), ciencias sociais e xurídicas (4), ciencias da saúde (3), enxeñería e arquitectura (2), artes e humanidades (4) e estudos de xénero (2).

Tamén están convocadas outras vinte bolsas cun orzamento de 180.000 euros para o perfeccionamento de estudos artísticos en centros de referencia nacionais ou internacionais.

Cada beneficiario/a poderá optar a unha axuda de 9.000 euros para completar a súa formación no ámbito da ilustración, artes plásticas e visuais (4 bolsas), danza (2), teatro e interpretación escénica (3), música (9) e audiovisual (2).

“Estas bolsas permiten que, cada ano, vinte artistas coruñeses/as completen a súa formación no estranxeiro. Son as mesmas bolsas ás que optaron no seu día nomes ilustres do arte coruñés coma Antonio Lago Rivera, Modesto Brocos, Eugenio Granell ou mesmo Isaac Díaz Pardo, que a Deputación ten a honra de ter entre os seus bolseiros”, afirmou a deputada responsable da área de Educación, Sandra González.

45 bolsas para deportistas

Ata o 18 de xuño, a Deputación da Coruña mantén tamén aberto o prazo de solicitude das súas becas deportivas, cun orzamento de 157.500 euros.

Trátase de 45 bolsas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional, dándolles a oportunidade de continuar participando en competicións do máis alto nivel, explicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán.

O importe destinado a becas para deportistas incrementouse notablemente nos últimos anos, pasando de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros. Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre 24 e 30 anos podan participar na convocatoria.

Os/as solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas olímpicas. Ademais, os/as candidatos/as terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2019, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais e o proxecto deportivo da tempada actual.

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos

Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos

Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.

A presentación de solicitudes deberá formalizarse forma telemática a través da plataforma Subtel da Deputación.

O prazo para as bolsas de Deportes remata o 18 de xuño e os das bolsas artísticas e de investigación o 30 de xuño ás 14:00 horas.