Abegondo comezou as obras de remodelación da pista de baile de Sarandóns

Imaxe actual da pista de Sarandóns.

A transformación será posible grazas a un investimento de 194.249 euros. O inmoble foi adquirido polo Concello para crear este espazo, cuxas características foron acordadas nun encontro mantido cos veciños da parroquia.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, explica que o proxecto consiste en «xerar un espazo de uso múltiple, con posibilidades variadas para adaptarse a todas as necesidades de actividades». O novo centro veciñal contará cunha superficie de 400 metros cadrados. A dependencia principal será unha sala diáfana de usos múltiples, de 294 metros cadrados. Ademais contará con despacho, almacén, aseos, recibidor e vestiarios.

A intervención será integral. Dispoñerase de novo chan, acometidas de saneamento, ventás, portas ou iluminación. Os traballos de remodelación comezaron pola estrutura, coa retirada do tellado. A idea consiste en que o centro conte con mesas e cadeiras para que os veciños poidan sentar a ler ou xogar a partida. Terá un pequeno palco para organizar festexos, lembrando ese pasado musical que algúns aínda lembran. E tamén haberá espazo para levar a cabo as actividades físicas, como o ioga, moi demandada polos veciños.

O alcalde sinala que a renovación da antiga pista para os veciños era «unha prioridade» en Sarandóns polas limitacións que ten a dependencia que agora se usa para o desenvolvemento de actividades. Santiso sostén que as dotacións sociais son «fundamentais nas parroquias para xerar puntos de encontro»