Abegondo sobe o prezo da hora no SAF forzado polas queixas sobre a súa calidade

Unha concentración das traballadoras do SAF

O Concello de Abegondo acaba de volver a sacar a concurso o servizo de axuda no fogar. A licitación chega tras verse forzado o executivo de Santiso Miramontes a anular a anterior licitación en xullo para subir o prezo por hora.

O novo concurso incrementa nun 7,3% o orzamento, que pasa de 831 804 a 893 112 euros. Deste xeito, contémplase que o prezo pase dos 16 euros hora que prevía como máximo a anterior documentación aos 19,10 euros, IVE incluído.

O executivo local sostén que con esta suba dos prezos pretende tentar evitar que se rexistren de novo problemas no servizo e disuadir ás empresas que poderían presentar ofertas á baixa en detrimento de a calidade. As queixas pola precariedade do servizo levaron ao Concello de Abegondo a chegar a un acordo coa anterior concesionaria para rescindir o contrato en abril deste ano.

Betanzos volve sacar o concurso nuns prezos similares

O BNG denunciou o pasado mes de febreiro que o executivo local de Betanzos iniciara un novo proceso de contratación. “Contra dos acordos do pleno, a alcaldesa resolveu iniciar expediente para volver contratar, máis unha vez, a unha empresa privada para emprestar o servizo” denunciaron os nacionalistas.

Segundo informaba na altura o BNG, “a alcaldesa fixa un prezo de licitación moi similar ao que o contrato actual tivo”, polo que as nacionalistas temen “que se repitan todos e cada un dos erros detectados durante a actual concesión, que, folga dicir, tiveron tradución en numerosos prexuízos para as usuarias finais do servizo”.