A Xunta pon en consulta pública o proxecto urbanístico para San Marcos

Recreación do proxecto para San Marcos

Desde hoxe mesmo ata o vindeiro 23 de decembro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten en exposición pública o Plan especial de infraestruturas e dotacións para implantación de centro de saúde, Abegondo.

A Xunta rexeitara no seu día incluír nas normas provisionais de urbanismo, que se elaboraron trala anulación polo Tribunal Supremo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por un excesivo volume de edificación no municipio, a creación dunha praza, edificios de vivendas e baixos comerciais en San Marcos, pola traseira da capela e o campo da feira, nunha actuación que o goberno local do PP xustificaba coa construción dun novo centro de saúde.

O goberno galego optou en maio de 2018 por manter a clasificación da zona de equipamentos de San Marcos como chan rústico e rexeita tramitar o plan que Abegondo concibiu cando prevía clasificar ese sector como solo urbano consolidado. Santiso Miramontes anunciou na altura que pretendía impulsar un plan especial en solo rústico para poder sacar adiante esta urbanización no campo da feira e agora está en exposición pública.