Abegondo e Oza-Cesuras, en risco extremo pola covid-19, Betanzos e Bergondo, risco medio

A situación epidemiolóxica da comarca móvese coa do país cara a peor. Cos datos divulgados polo SERGAS a media tarde do pasado día 9, Abegondo (con 20 positivos confirmados en 14 días), Sobrado e Oza-Cesuras están en risco extremo ao superar os 250 casos por cen mil habitantes. Séguenos, en risco alto, Curtis, Vilarmaior, Vilasantar, Monfero e Sada (que suma 34 positivos) con entre 150 e 250 casos de positivo confirmado de covid-19 por cada cen mil habitantes. En risco medio móvense Betanzos (que xa suma 14 positivos de covid-19 nos últimos 14 días), Bergondo, Paderne e Coirós cunha incidencia de entre 50 e 150 casos por cen mil habitantes.

Un dos positivos betanceiros é o de unha persoa que traballa no centro Pai Menni.

En risco baixo está Miño con ata 50 casos por cen mil habitantes e na nova normalidade, con menos de 25, Aranga e Irixoa que á fin afrouxan nas cifras de antes do Nadal.

A da Coruña volve ser a área sanitaria que máis novos positivos achegaba no último reconto ao total do país, 177 de 661. E continúa como a que ten máis enfermos de covid-19, con 1.831, tras ascender en 135 desde o anterior conteo.