Abanca gaña máis de 250 millóns no primeiro semestre de 2019

Oficina principal de Abanca e centro social da Afundación en Betanzos

Abanca gaña no primeiro semestre máis de 250 millóns de euros de beneficios. A entidade con sede en Betanzos rexistra un aumento de 1,26% a respecto dos primeiros seis meses do ano anterior.

A dirección do banco calificou de “históricos” os resultados obtidos pola entidade, resultante da venda das caixas galegas. As caixas galegas vendéranse a Banesco en decembro de 2013 por mil millóns de euros. Desde entón e ata hoxe, Abanca obtivo beneficios duns 2800 millóns de euros.

O balance recolle o efecto da recente integración de Deutsche Bank PCB Portugal, que sitúa o seu volume de negocio en case 80 000 millóns de euros. E á espera de finalizar a integración de Banco Caixa Geral, que Juan Carlos Escotet agarda que supoña engadir outros 7000 millóns de euros.

Tras esta integración do Deutsche Bank Portugal, o banco que absorbeu o histórico Etcheverría sitúase como décima entidade do mercado portugués tanto por recursos de clientes como por crédito.

Incrementa os seguros e reduce a morosidade

En paralelo ao beneficio bancario propiamente dito, a produción de seguros crece un 7,4%, impulsada, de acordo co banco que preside Juan Carlos Escotet, pola innovación e as capacidades tecnolóxicas. Pola súa banda, a taxa de morosidade encadea 21 trimestres consecutivos de redución e baixa ao 3,3%, cunha cobertura do 57,1%.