Abanca gaña 405 millóns de euros en 2019

Cantón Claudino Pita, co banco Etcheverría ao fondo

Abanca pechou 2019 cun beneficio neto de 405 millóns de euros. Segundo informa Europa Press, estas cifras danse nun ano no que o volume de negocio dos seus clientes superou os 85.000 millóns de euros (+23%).

Aínda que obtivo un beneficio neto en 2018 de 430 millóns, a entidade con sede no Cantón de Claudino Pita de Betanzos sinala que 2019 foi o primeiro exercicio no que a fusión inversa entre Abanca Corporación Bancaria (absorbente) e Abanca Holding Financeiro (absorbida) toma efecto. Por iso, explica que en termos comparables o resultado é un 6,7% maior que o ano anterior.

O incremento no volume de negocio, explica Europa Press, combina o dinamismo comercial -con especial atención en pemes e autónomos– coas compras de Deutsche Bank PCB Portugal e Banco Caixa Geral. Así mesmo, Abanca obtivo unha rendibilidade do 10%, entre as maiores do sistema financeiro español. Mentres, a taxa de morosidade sitúase por baixo do 3% (no 2,8%) e a cobertura de activos improductivos é a máis elevada do sector (o 58,8%).

Con estes números, o volume acumulado de beneficios do banco achégase practicamente aos 3.000 millóns de euros. Supoñen practicamente o triplo do que o venezolano Banesco pagou por Nova Galicia Banco- a entidade formada tras o rescate e fusión de Caixa Galicia e Caixanova que custou 9000 millóns de euros de fondos públicos- na poxa organizada polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).