A Xustiza admite que Sada e a Xunta codemanden tamén aos Franco para devolver Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou, nun auto emitido este mércores, aceptar as solicitudes presentadas polo Concello de Sada e pola Xunta de Galicia para intervir no proceso xudicial iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamar á familia Franco a propiedade do Pazo de Meirás.

Segundo recolle o auto, ao qeu tivo acceso Europa Press, as administracións adhírense ao procedemento xudicial pero sen carácter autónomo, o que implica que a súa lexitimación para intervir está subordinada á parte demandante, o Goberno central. Por este motivo, intervirán en calidade de “parte coadxuvante adhesiva simple do demandante”, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A maxistrada considera que as dúas administracións teñen un “interese directo e lexítimo” na causa e estima os argumentos que presentaron nas súas solicitudes. No tocante ao Concello, a xuíza tivo presente o que denomina “papel relevante” do Concello de Sada nas accións tendentes a recuperar o pazo, así como que, segundo o Concello, non só preténdese a recuperación do patrimonio, senón darlle un uso público.

Con respecto ao goberno galego, a maxistrada suliña na súa resolución que foi o Parlamento de Galicia quen iniciou as accións encamiñadas á recuperación do ben, que foi declarado en 2008 ben de interese cultural de Galicia- a instancias do goberno local de Sada, que na altura presidía o BNG, e coa oposición do PP tanto no Concello como no Parlamento de Galicia-, coa categoría de sitio histórico. Ademais, indica que o Goberno autonómico ostenta as competencias respecto a a protección do patrimonio.

A Xunta asegura que non permitirá aos Franco incumprir o réxime de visitas

En resposta a unha iniciativa parlamentaria, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu a actuación do Executivo autonómico para que o Pazo, como Ben de Interese Cultural que é, poida ser visitado pola cidadanía. O mandatario afirmou que se unha vez aberto o expediente aos Franco por obviar o réxime de visitas ao BIC de Meirás, se finalmente conclúese que os Franco están a realizar algún incumprimento das súas obrigacións, Rodríguez asegurou que estas persoas non “quedarán impunes”.